1/6/18

Una atleta olímpica en Tirán

Hoxe o olimpismo chegou ao noso centro. Recibimos a visita de Felicea Tilea Moldovan, unha atleta romanesa que estivo no máis alto da élite mundial na disciplina de lanzamento de xavelina. Foi grazas á familia romanesa do noso centro, xa que nos puxo en contacto con ela e aproveitamos a proximidade da Olimpíada Escolar de Moaña para ofrecerlles ao noso alumnado unha sesión de lanzamento.

Felicea comezou contando a historia da súa vida, como que cando era pequena tiña que camiñar moitos quilómetros para ir á escola, ás veces cun metro de neve, ou como descubriron as súas aptitudes en campionatos escolares. Narrou como pouco a pouco foi chegando á cuspide deste deporte. 



O noso alumnado quedou abraiado coa exposición de acreditacións e medallas dos distintos campionatos nos que participou, que non foron poucos. É mester destacar que participou en catro Xogos Olímpicos e sete Campionatos do Mundo, chegando a ser subcampiona mundial.

 

Pero tamén quixo facer fincapé na dureza de chegar tan lonxe, xa que esixe de moita forza mental e renunciar a moitas cousas. Foi moi impactante como lles comentou aos nosos alumnos e alumnas a experiencia máis negativa da súa carreira, cando tiña todas as de gañar uns Xogos Olímpicos e as circunstancias fixeron que nin sequera puidese optar a unha medalla. Destacou a súa gran preparación física e técnica, pero que nunca tivo quen a asesorara psicoloxicamente, para facer fronte a determinadas situacións de competición, como a que ela viviu. Tocáballe competir simultáneamente coa final olímpica de 400 m, onde estaba a gran estrella mundial do atletismo daquel entón, Michael Johnson. Era tal o rebumbio que se organizou no estadio que non foi quen de afrontar a súa competición coa concentración suficiente. Foi tan grande a rabia contida por esa situación que tivo que ir ao hospital porque comezábaselle a paralizar unha parte do rostro, segundo os médicos, por todas as bágoas que tiña acumuladas no encéfalo e que non foi quen deixar saír.



De xeito espontáneo, o noso alumnado comezou a pedir autógrafos e, aproveitando que estabamos en plena contrución do noso rocódromo, pedímoslle que inmortalizara o seu paso polo centro asinando no propio rocódromo.



Finalmente preparou unha pequena sesión de lanzamento cun quecemento previo que ela mesma dirixiu. O noso alumnado puido recibir indicacións técnicas de toda unha atleta olímpica e usando as súas propias xavelinas de competición. Esperamos ter máis experiencias coma esta!

No hay comentarios:

Publicar un comentario